Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

viernes, 4 de diciembre de 2020

Nadal, tempo de crer, ler e lecer






    E cando xa parecía que este 2020 non ía rematar, de pronto estamos a 4 de decembro, e como por arte de maxia comeza a caer unha nevarada como hai tempo que non viamos, e volvemos crer que algo pode cambiar, porque ano de neves é tamen ano de bens, e porque necesitamos manter a ilusión e recuperar a esperanza, a paz e o sosego que tanta falta nos fan.

    Porque nunca imaxinamos vivir un tempo tan convulso, unha pandemia desas das que falaban os libros de historia, pero que a nós non nos ía tocar, porque viviamos no primeiro mundo onde todo estaba controlado e a ciencia ficción só ocorre nos libros e nas películas.

    Aprendemos sen lelo en ningún libro o que eran os conceptos de pandemia, confinamento e toque de queda, e mentres estabamos confinados os libros, as series, a radio e o cinema salvaron moitos deses momentos tan amargos, tristes e baleiros que nos tocaron vivir pechados nas nosas casas. 

    Unha vez máis, os libros, a creatividade, a radio, a nosa querida Bolboreta,  e a cultura foron o noso salvavidas, o amarre que moitos precisamos, a compaña que tivemos cando non podiamos nin ver nin tocar a eses que tanto amamos. Así que cultura e creatividade demostraron que seguen sendo necesarias, imprescindibles e insustituibles.

    Por todo isto dende a biblioteca desexámosvos o mellor para o tempo que temos por diante, acompañados por estas novidades tan chulas que adquirimos grazas aos fondos que as partidas de Biblioteca Inclusiva e o propio Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares da Consellería de Educación nos achegan. Un PLAMBE que está de aniversario, 15 aniños xa, feito un mozo sempre rebuldeiro, e no que a biblioteca do noso instituto leva dende que naceu. Porque por riba de todo, tanto o PLAMBE como a nosa biblioteca sempre tiveron un plan, que non é outro que achegar e fomentar a lectura a toda a comunidade educativa. E iso, por moitas pandemias que veñan, non nolo van cambiar.

    Vinde e depositade as vosas peticións de fondos na urna, xa sexan en formato libro ou película, para que a biblioteca os adquira antes do próximo 18 de decembro. Faremos o posible para que os vosos desexos se fagan realidade .

    Moita saúde e moito Nadal para ler e lecer!

    

   
 

No hay comentarios: