Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

domingo, 23 de noviembre de 2025

Teatro en inglés: "Shakespeare in Chicago"

 





O teatro en inglés volveu encher o salón de actos do noso centro unha vez mais cunha obra moi activa e participativa. A compañía Face2face  contounos a historia de dous gansters que tentan vender varios libros de Shakespeare roubados dunha biblioteca. Descubrimos así a súa visión particular de Hamlet, Macbeth, Othello e outras obras do famoso William Shakespeare grazas á risa, a música rap e a interacción co noso alumnado, quen estivo moi atento durante toda a actuación. 
E se queredes saber mais, o maravilloso mundo de Shakespeare agárdavos na biblioteca. Esta actividade estivo organizada pola biblioteca e o departamento de inglés.

Obradoiro de Teatro a cargo de Bengala Teatro

 




O alumnado de 4º de ESO E 1º do CS de Administración e Finanzas participou nun taller de expresión corporal moi dinámico, dirixido por Andrea González da compañía Bengala.
Esta actividade enmárcase nas propostas para conmemorar o Día contra a Violencia de Xénero que dende a biblioteca apoiamos e xestionamos grazas ao ofrecemento do Concello de Sarria.

jueves, 13 de noviembre de 2025

O recuncho das mochilas viaxeiras

 



Co fin de dar unha maior visibilidade ás mochilas viaxeiras, acabamos de crear un recunchiño que confiamos que as fagan mais accesibles e atractivas. Animaste? Tamén as emprestamos e son ideais para descubrir novos fondos nestes días de choiva e frío.

Novembro, mes da ciencia en galego



 Achégate ao expositor da biblioteca e descubre algúns dos nosos fondos relacionados coa ciencia en galego.

E se queres saber mais, pica aquí

jueves, 30 de octubre de 2025

Samaín terrorífico

 





Un ano mais, o noso instituto encheuse de cores de outono, de medo, de Samaín, de morcegos, de cabazas e de lecturas terroríficas.

Tanto o EDL, a biblioteca coma o departamento de inglés implicáronse moito para que o alumnado participase nos concursos convocados.

Hai que resaltar a gran participación do alumnado da ESA no concurso de cabazas, os cales acadaron todos os premios, e da ESO no de maquillaxe e de disfraz organizado polo departamento de inglés. Parabéns!

Aproveitade a ponte para ler e recargar pilas para rematar o trimestre. Vémonos o martes 3 de novembro.


jueves, 23 de octubre de 2025

Obradoiros de lettering para celebrar o 24 de outubro, Día da Biblioteca

 Continuamos celebrando o Día da Biblioteca dun xeito moi creativo que coincide co lema das bibliotecas escolares galegas deste curso e que combina o deseño coa viaxe á creatividade, da cal a biblioteca é o centro. 

Un ano mais, tivemos o pracer de contar coa profesora Mónica Martínez de Sopa de Letras Comunicación quen nos ensinou moitas cousas sobre o Lettering e as ferramentas e rotuladores específicos para adentrarnos nisto do escritura caligráfica. 

Mónica impartiu dous obradoiros: un para 1º de ESO e outro para 1º e 2º do Ciclo Superior de Administración e Finanzas. Ambos foron dous obradoiros de iniciación, pero ao final xa creamos cousiñas moi feitiñas e orixinais. Tanto os mais noviños do instituto coma a rapazada con mais anos do Ciclo de Administración puxeron moito interese nesta actividade como podedes ver nas imaxes e remataron facendo uns fermosísimos marcapáxinas personalizados

















lunes, 13 de octubre de 2025

Obradoiros de fotografía

 Tentando que a biblioteca sexa un lugar inclusivo e que todo o alumnado se achegue a ela, o luns 13 de outubro invitamos ao alumnado dos ciclos de mecanizado, mantemento e mecatrónica industrial de todo o instituto a achegarse a ela organizando uns obradoiros de fotografía a cargo da fotógrafa e veterinaria Tamara Lebón Sánchez, que nos ensinou dun xeito práctico moitas cousas sobre fotografía incluida a cámara que todos levamos nos nosos teléfonos.



Resultou unha xornada moi amena e creativa, á que logo seguiu un obradoiro dirixido ao alumnado de segundo da ESO, o cal se interesou moito pola profesión de Tamara como veterinaria.


Agradecemos a Tamara o feito de compartir o seu tempo e a súa experiencia con nós. Se queredes ver un bo feixe de magníficos exemplos de imaxes feitas por Tamara, podedes seguila no seu Instagram, onde garda moitas que seguro vos servirán de inspiración.




Programa de actividades para celebrar o 24 de outubro, Día da biblioteca

 


Bibliotour 2025

 Como cada curso, celebramos o comezo dando a benvida ao novo alumnado. Os de primeiro de ESO acudiron á biblioteca o 10 de outubro, inaugurando así o programa de actividades de outubro, no que celebramos o Día da Biblioteca.

Descubriron que a biblioteca agocha moitos recursos ben interesantes en forma de libros, xogos, películas e moitas actividades que se están preparando.




Agardamos que todos os días do curso sexan días de biblioteca, nos que estaredes tan a gustiño coma na zona de lectura relaxada.


lunes, 22 de septiembre de 2025

Visita á exposición "Castelao Grafista" e programa Cultura por Alimentos

 


    Esta mostra concide coa celebración neste 2025 do Ano Castelao. e inclúe 19 facsímiles da  Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas, entre outros.

    Case cincuenta alumnos do IES Gregorio Fernández visitaron esta exposición. Resultou unha visita moi interesante e activa, na que os participantes, ademais de descubrir a obra de Castelao dun xeito  lúdico e por equipos, converteronse en críticos debuxantes da actualidade que remataron traballando co programa Scratch e creando un curioso circuito eléctrico. Grazas por achegar a cultura ao noso alumnado dun xeito tan atractivo!







 



A mostra está ubicada na antiga prisión de Sarria ata o 4 de outubro e enmárcase no programa de CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación a favor de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Podes colaborar doando algún alimento non perecedeiro que irá destinado ao banco de alimentos local. Co fin de axudar e ampliar a recollida de alimentos dende o IES Gregorio Fernández, depositamos unha caixa na entrada do edificio principal do instituto, onde calquera membro da comunidade educativa poderá facer a súa aportación antes do xoves 2 de outubro.