Dentro dos actos para celebrar o 8M, na mañá do xoves 7 de marzo tivemos a honra de recibir a tres mulleres con idades, traxectorias e experiencias moi distintas pero con moito que contar e aportar.
Durante a xornada "Mulleres da nosa contorna" contamos coa presenza de: Chelo López, emprendedora de Gandería Quintián de Friolfe (O Páramo); Laura Vallverdú, emprendedora de Rural o Urbano (Paradela) e Benedicta Sánchez, fotógrafa e actriz, Medalla Castelao e Premio Goya como Actriz Revelación no 2020 (O Corgo).
Foi realmente emocionante escoitar a afouteza destas tres mulleres nas súas vidas como emprendedoras. Ademais, dúas delas destacaron a importancia dos libros e da lectura. Chelo falou con emoción de cando nos seus tempos de estudante fíxose socia da biblioteca pública de Lugo, onde descubriu os libros de Isaac Asimov e a ciencia ficción. Benedicta, pola súa banda, cos seus 89 anos, lembrou que foi á escuela por primeira vez con 7 anos, e que a ela aquelo de ler parecíalle maravilloso, pero pensaba que todo o que dicían os libros era certo e verdade, como "la verdadera historia de Don Quijote de La Mancha", tal e como reza o libro.
Foi tamén moi fermoso escoitar a Benedicta falar da súa experiencia como dona dunha librería durante uns aniños e como na súa axitada e viaxada vida "ler sacoume de moitos barrancos" ao tempo que animou aos rapaces a que lean.
Dende a biblioteca, querémosvos agradecer a vosa presenza e esta lembranza da importancia da lectura por encima da dixitalización que nos invade ultimamente.
Antes da charla, as tres invitadas acudiron á aula de Radio Bolboreta, onde grabaron un programa que xa estamos desexando escoitar.
As actividades realizadas no noso instituto polo Día da Muller foron organizadas polos departamentos de Formación e Orientación Laboral, Historia, Inglés o Equipo de Dinamización da Lingua Galega e a biblioteca. Xuntas sumamos e facemos equipo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario