Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

viernes, 8 de marzo de 2019

O escritor Fran Alonso tenta "RevolucionARTE a versos"



O 7 de marzo tivemos un encontro co escritor, xornalista e editor Fran Alonso. Esta actividade foi organizada pola biblioteca "Fiz Vergara Vilariño" e patrocinada polo Plan de Fomento da Lectura 2017-2020 do Ministerio de Cultura e Deporte do Goberno de España.
Resultou un encontro moi agradable no que o actual director de Edicións Xerais de Galicia visitou a nosa biblioteca, onde asinou varios exemplares da súa prolífica obra, que conta xa con mais de trinta libros publicados.
A continuación, houbo unha charla dirixida ao alumnado de ESO, a quen o autor fixo reflexionar sobre o que é a poesía facendo un repaso por autores clásicos para chegar ás tendencias mais recentes incluindo o rap, e a publicidade. A súa última obra: "Street Poems" é un libro de arte urbana no que se mesturan os graffitis cos poemas e a fotografía mais actual, accións rebeldes ante as que a arte non nos pode deixar indiferentes. Este libro acaba de ser lido polos integrantes do Club de Lectura xuvenil e proximamente teremos un intercambio de pareceres sobre él.
Foi unha charla amena, variada e musical na que incluso Fran susurrou poesía aos ouvidos dos asistentes, facendoos así partícipes dunha tendencia de poetas franceses que o fan nas rúas de París. Fomos invitados a revelarnos con poesía das inxustizas do mundo converténdoa así nun berro de liberdade.
Tras a charla, os asistentes formularon un bo e variado número de preguntas sobre as razóns de Fran Alonso para escribir en galego, a posibilidade de ligar mais facendo poemas ou a comida favorita deste autor, que aproveitou así para abrirnos os ollos ante outras comidas, outras realidades e outros mundos aos que tamén podemos viaxar grazas á literatura.
Proximamente, Radio Bolboreta emitirá a entrevista que Raquel Arias, responsable da biblioteca, lle fixo a Fran Alonso, así que estade atentos. Graciñas Fran polas túas verbas, o teu tempo e a túa amabilidade. Continúa a revolucionarnos a versos!

No hay comentarios: