Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

sábado, 28 de diciembre de 2019

O….Canada, the true North strong and free!





A algúns sorprenderavos este titular, que non fala nen do noso instituto, nen da nosa biblioteca. Este título é un dos versos do himno de Canadá, que se escoita e canta con sentimento e emoción en todos os centros educativos canadenses a primeira hora da mañá. Así que non podo evitar lembrar eses dous valores supremos: o verdadeiro Norte, co seu frío polar (experimentei o que é estar a -15º), e a liberdade representada por un país diverso, respetuoso e multicutural que fai moito pola integración.


Como a maioría de vos xa sabedes, son Raquel Arias, coordinadora da biblioteca e profesora de inglés no IES “Gregorio Fernández”. Este 2019 conseguín unha praza no programa PIALE (Programa Integral de Aprendizaxe de Linguas Extranxeiras) da Consellería de Educación, polo que dende o 11 de novembro ata o 9 de decembro estiven en Canadá. A finalidade deste programa é mellorar a competencia lingüística e comunicativa do profesorado galego de inglés e CLIL e chegar a coñecer, de primeira man, como funciona o sistema educativo canadense, o cal podo dicir que conseguín a grosso modo. A experiencia, no caso da miña modalidade, consistiu na integración como profesora visitante na vida escolar dun centro educativo en Canadá, no meu caso na Adult High School de Ottawa, durante tres semanas.



Alí a miña principal función foi observar o traballo de aula, asistir a unha actividade extra-escolar e tomar nota do que alí está a pasar, sempre coa finalidade de seguir aprendendendo e vendo que aspectos poden ser extrapolables ao noso sistema educativo.
Foi unha experiencia única e inesquecible, durante a cal todo o profesorado participante (na miña quenda eramos coarenta docentes galegos) asistimos a unhas xornadas de orientación, fomos aloxados en familias canadenses e asistimos ás súas clases reais, polo que a integración na vida cotiá do país foi total.






A mín tocoume residir na provincia de Quebec, onde só se fala francés, limítrofe e separada da provincia de Ontario (onde se fala inglés, pero case todos os carteis están en inglés e francés) polo caudaloso río Ottawa. Así que todos os días tiña que coller dous buses, cruzar a gran ponte, e viaxar durante case unha hora para chegar ao meu instituto ubicado na capital do país, provincia de Ontario. Residín na localidade de Gatineau cunha encantadora muller brasileira que xa leva vinte anos neste gran país e fíxome sentir como se estivera na miña propia casa. Grazas a ela aprendín moito da idiosincrasia canadense, descubrín como é a vida real alí e saboreei as típicas tortitas con xarope de arce, ao tempo que vía como o bus escolar que sae nas películas recollía aos nenos para ir ao cole dende a ventá da miña casa.



Na Adult High School os cursos (do grado 10 ao 12) están organizados por créditos e repartidos en dous semestres que comezan en setembro e febreiro respectivamente. Todo o alumnado é población inmigrante chegada a Canadá das mais recónditas partes do mundo. O instituto conta cuns 1200 alumnos matriculados que falan 40 linguas diferentes. Neste centro pódense obter dous tipos de certificados: o Diploma de Ensino Secundario de Ontario, ou o superior para acceder ao College (equivalente aos nosos Ciclos Formativos de Grado Superior), ao mundo do traballo ou á universidade.





As mañás de luns a venres na Adult High School comezaban ás 8:30 da mañá. O primeiro que sorprende é o horario:

Como se observa, o horario é moi diferente ao noso: catro períodos de clases de 75 minutos cada día, cun recreo para comer nas propias aulas, nos departamentos ou na sala de profesores ás 11:05 da mañá. As asignaturas danse todas todos os días, e no seguinte semestre danse outras catro. Sorprende tamén que para conseguir o diploma teñen tamén que facer 40 horas de voluntariado. Os estudiantes cambian de clase en función das materias nas que están matriculados, xa que as aulas son aulas-materia. Sorprende sobre todo ver móbiles, comida e bebida sobre os pupitres dos que o alumnado fai uso a discreción. Chegan incluso a entrar e salir da aula atendendo chamadas. As dúas portas das aulas están continuamente abertas para que calquera poida incorporarse ou marchar cando o desexe. E con todo isto, vexo alumnos moi motivados, interesados, educados, atentos, responsables e que teñen un absoluto respeto polo profesor. Todos son adultos e a maioría deles traballan. Saben que a educación é o camiño para a integración. Todos queren ser canadenses e obter a cidadanía, para o cal, entre outras cousas, necesitan aprobar o exame de cidadanía, ao que a web da biblioteca do centro lle dedica un apartado especial.



Asistín a clases de inglés como segunda lingua en distintos niveis. En todas ellas vin a impartición dun inglés moi práctico, incluídas clases sobre a moeda do país, como facer un orzamento, o futuro laboral ou como aprender as señas e direccións dándolle ordes a un robot. Hai que ter en conta que a única lingua vehicular é o inglés, polo que o alumnado recén chegado ten que comunicarse nesta lingua cos seus compañeiros debido á ampla diversidade existente.

Observo que en realidade os recursos materiais son prácticamente os mesmos ou incluso menos que nas nosas aulas: libros, ordenadores portátiles, pizarras dixitais, pero algunhas aulas son moi espaciosas, incluso con sofás e zonas de traballo mais relaxadas para permitir o traballo en grupo ou mais individualizado.


O que mais me chamou a atención foi o baixo número de alumnos en algunhas clases e a participación de profesorado voluntario (ata tres voluntarios nunha aula mais a profesora titular) para axudar a nove alumnos recén chegados e con grandes dificultades. Os voluntarios son xeralmente profesores xubilados, se ben aceptan outro tipo de perfís.



Ademais de asistir as clases de inglés, asistín tamén a clases de historia canadense, onde comprobei que efectivamente o nivel de esixencia é bastante mais baixo que en Galicia. As leccións están moi resumidas e inténtase, sobre todo, entender os feitos e non memorizar datas. O uso da plataforma Google classroom é habitual en todas as materias e o profesorado está continuamente subindo alí fotos, enlaces, ou materiais que considera necesario.

Abraiada quedo vendo que ante as dúbidas plantexadas polo alumnado, varios profesores contestaban cun enfático: “Google it!” (búscao en Google), como se este fora a autoridade máxima sen nen sequera plantexarse a orixe ou autencidade desa fonte de información.
As miñas expectativas esperando un tipo de ensino modernísimo, avanzadísimo e dominado polas novas tecnoloxías víronse frustadas non só por estes motivos, senón porque vexo que aquí tamén se cocen fabas. O mércores 4 de decembro de 2019 non tivemos clase debido ao peche dos centros por unha folga masiva do profesorado en contra da reforma que o goberno quere levar a cabo, consistente, entre outros aspectos, en recortes que suporían o aumento de alumnos por aula e a popularización da oferta de cursos on-line, os cales suprimirían profesorado e a atención real individualizada cara a cara.



Observei tamén que as asignaturas impartidas están moi enfocadas ao futuro profesional e laboral do alumnado nun país rico, en expansión, con valiosos recursos naturais por explotar de tan só 37 millóns de habitantes que segue a necesitar moita man de obra. Boa mostra disto foi a “Career Fair” (mostra das carreira profesional) organizada no propio instituto na que distintos centros educativos ou empregadores viñan a reclutar futuro alumnado ou incluso traballadores. A oferta era tan variada que incluía dende carreiras universitarias, ata formación de camioneiros, palistas, empregados de prisións ou perruqueiros.



Pero como coordinadora de biblioteca e apaixoada destes paraísos terrenais, parte do meu proxecto consistía en profundizar no papel e na importancia da súa biblioteca escolar e da lectura e da escritura como bases da aprendizaxe, así que alí fun:



A maioría dos centros educativos canadenses contan cunha biblioteca e un bibliotecario/-a a xornada completa. Os profesores teñen horas de supervisión no seu horario nas que colaboran con esta.
Durante as miñas charlas coa atenta e sempre encantadora bibliotecaria Dann Lowe na súa oficina de atención ao público, aprendín moitas cousiñas desta súa biblioteca. Neste país onde abundan os microondas, tamén o recuncho da bibliotecaria conta con un, co seu fregadoiro e o seu espazo para comer.



Poderíamos dicir que esta é unha biblioteca clásica, que só empresta libros e outros fondos e que a súa labor non consiste en dinamizar nin promover actividades culturais ou de fomento de lectura. Está dotada con catorce ordenadores con conexión a Internet aos que só se pode acceder con usuario e contrasinal propio e persoal para os distintos membros da comunidade educativa do centro. Hai ademais unha rede wifi tamén con usuario e contrasinal propia, non aberta, en todo o instituto .
Escoito con mágoa coma nos vellos tempos, aló polo 2000, houbo ate cinco persoas adicadas á biblioteca en exclusiva e daquela a biblioteca estaba aberta ao público en xeral. Logo estas cinco pasaron a dúas e na actualidade está ela soa. O orzamento da bilioteca nos anos 2000 chegou a ser duns 13.000 dólares (uns 9.000 euros), pero esta partida depende directamente do director do instituto, e dende fai sete anos non hai orzamento, así que a biblioteca tense que autofinanzar.
Entre os fontes de autofinanzamento está o pago por fotocopias (10 centavos por páxina fotocopiada) e 25 centavos (uns 17 céntimos de euro) por cada día de retraso na devolución dun libro cun máximo de 3 dólares por devolución fora de prazo.
A pesar dun alumnado tan multicultural, os fondos da biblioteca están todos en inglés, coa única excepción dos dicionarios noutras linguas.



Dann remarca tamén que os estudantes len cada vez menos libros, porque pensan que todo está na web, pero cando acuden desesperados en busca de información para algún traballo ela sempre lles proporciona algún libro que lles vai axudar incluso mais que moitas páxinas da Internet.
O profesorado pode usar a biblioteca como aula, pero sempre con cita previa e enviando o traballo que vai facer á bibliotecaria para que esta estea informada e poida preparar os materiais a suministrar para o traballo.

A bibliotecaria é convocada ás reunións mensuais do claustro de profesores para coordinarse cos seus membros e estar informada dos proxectos que se están a levar a cabo. Outra das funcións da bibliotecaria é o mantemento da web da biblioteca

A pesar disto, observo que o libro aínda ten un papel importante na sociedade canadense. Durante dous días celébrase unha venta de libros de segunda man nunha das aulas do instituto con bastante afluencia de público, e de seguro que algún recoñecerá a un vello coñecido moi lido na nosa biblioteca.




A promoción da lectura e da escritura faise dende as propias aulas. Os libros son propiedade son departamentos didácticos e emprestados directamente ao alumnado. En xeral, non hai libros de texto, salvo manuais de Contabilidade como o da imaxe que tampouco os alumnos teñen que mercar e que están perfectamente identificados por se se perden:




Encantoume como se traballa a lectura de xeito tradicional: a profesora Miranda le en alto e todos a escoitan e van comentando o lido pouco a pouco de xeito participativo. Menos é mais. É un sistema lento, tradicional, pero seguro. A comprensión e a expresión están ahí: nun libriño que leva por título “O diario completamente verdadeiro dun indio a tempo parcial” de Sherman Alexie, cun protagonista co que moitos dos alumnos se identifican e do que falan de xeito emocionado coma se estiveran a participar nun club de lectura.



E despois da lectura virán a escritura, a redaccións, a composición de párrafos, a organización das ideas e un bo feixe de recursos para expresarse adecuadamente. Semella que volvín ao pasado e ao básico. A organización destas clases é xeralmente en grupos. Igual habería que centrarnos e ver cara a onde vamos e que é o que de verdade necesitan os nosos alumnos. O meu paso por este instituto reforza a miña teoría de que lectura e escritura seguen a ser dous piares básicos na aprendizaxe da lingua.




Isto vese reforzado polo uso de portátiles e novas tecnoloxías como a web newsela, unha plataforma educativa con contidos moi variados nos que o alumnado le o mesmo artigo a distintos niveis e dos que teñen que extraer informacións para logo respostar a preguntas sobre o texto. O uso da gamificación e a competitividade a través de Kahoot tamén serve para reforzar a comprensión lectora.



A análise e comprensión dos medios de masas, da publicidade e das fake news teñen tamén o seu análise e espazo neste traballo exposto no corredor do instituto:


Foi, en resumo, unha experiencia moi enriquecedora durante a que tamén houbo tempo para actividades culturais coma cine, teatro, ballet, museos e viaxes ás cidades de Quebec, Montreal, Toronto ou ás espectaculares cataratas do Niágara, fronteira entre Canadá e os Estados Unidos.
Graciñas por chegar lendo ata aquí e a todos os que dalgún xeito me acompañastes e facilitastes a miña experiencia canadense. Good luck and stay warm!





E se aínda queredes saber mais sobre o tema, non perdades a entrevista radiofónica dentro da sección de Espazo Aberto de Radio Bolboreta que o alumnado do primeiro curso do ciclo de Xestión Administrativa me fixo sobre o tema coa inestimable axuda de Eduardo Rey. Foi un pracer compartir novamente este tempo de lembranzas e bos momentos rodeada de xentiña con tanto interese.