Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

lunes, 6 de febrero de 2017

Circe ou o pracer do azul



O pasado venres 3 de febreiro tivo lugar a última reunión do club de lectura de adultos, na que falamos da novela de Begoña Caamaño “Circe ou o pracer do azul”. É esta unha obra moi coidada e de altísimo nivel literario no que a autora fai uso de dous mitos fundacionais da cultura occidental: Circe e Penélope desde unha perspectiva feminina na que transforma e reinventa o mundo homérico. A maior sorpresa ven da relación epistolar entre as dúas protagonistas na que afloran temas moi diversos e polémicos como a sociedade patriarcal na que seguimos a ser educadas, a presión cultural do medio, a violencia que se exerce sobre as mulleres....
Esta obra suscitou ademais un interesante debate sobre o uso ou o mal uso dos clásicos na novela e no teatro actual. A coordinadora do club adxuntou o artigo do escritor Javier Marías “Ese idiota de Shakespeare” no que se fai unha dura crítica ao respecto moi recomendable de ler.
Novela apaixoante e reunión apaixoada con enfrentamento de moi diversos puntos de vista das lectoras que non quedaron indiferentes ante esta obra da desaparecida Begoña Caamaño, referencia clave na literatura galega contemporánea. Se buscades algo diferente, “Circe ou o pracer do azul” agárdavos na nosa biblioteca.

O club de lectura continúa a súa andaina e a continuación cambiamos de xénero. No mes do amor por excelencia, imos ler un libriño de poesía dun  cantautor moi actual, que conseguiu que no mes de decembro de 2016 a súa terceira obra se convertera nun dos libros de poemas máis vendidos: “Te quiero como siempre quise odiarte” de Luis Ramiro, a quen coñecemos grazas ao Matinal de poesía de “El País” e a quen podedes escoitar picando aquí

No hay comentarios: