Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

lunes, 25 de marzo de 2013

A CALIDADE DO ENSINO EN SARRIA EN GRAVE RISCO
Publicamos o comunicado enviado aos pais do alumnado de ESO e bacharelato deste Instituto segundo o acordado no claustro extraordinario realizado o pasado xove, 21 de marzo.

O Claustro de profesores do IES Gregorio Fernández de Sarria quere informar aos pais e nais do alumnado deste Centro das medidas adoptadas por este en reunión extraordinaria, celebrada no día de onte, diante das informacións aparecidas nestes últimos días con respecto á desaparición dos estudos de ESO e Bacharelato neste Instituto.
Envíase o comunicado que incluímos abaixo ás autoridades académicas competentes para que paralicen esta medida e tamén se solicita dos concellos da comarca o seu apoio en defensa do ensino público.
A supresión destes estudos neste Instituto suporía que os 200 alumnos de ESO e bacharelato terían que ser trasladados a outro Instituto e iso significaría unha masificación enorme (aulas reducidas cheas de alumnado) o que redundaría nunha menor calidade do ensino, debida tamén a unha perda de recursos para o traballo que se foron acumulando ao longo destes anos (edificios case novos pechados, comedor e cociña inutilizados, aulas cos últimos adiantos tecnolóxicos para o ensino sen uso, ximnasio baleiro, biblioteca con 15.000 volumes enchéndose de pó, etc. etc.).
Anos nos que, por outro lado, se obtiveron uns moi bos resultados a nivel educativo, como se pode comprobar, por exemplo, nas cualificacións obtidas na última década polo nosos alumnado nas probas de acceso á Universidade (8 anos seguidos co 100% de aprobados).
En resumo, A CALIDADE DO ENSINO PÚBLICO DEIXADA DE LADO A PESARES DE CONTAR COS RECURSOS AXEITADOS.
E non falemos dos máis de 15 postos de traballo que se van perder nunha vila que día a día non fai outra cousa que incrementar o paro.
Na nosa intención só está que sexan conscientes do que se está a facer co ensino público se esta medida segue adiante.
Estamos á súa disposición para, entre todos, seguir a loitar polo aquilo ao que temos dereito: UN ENSINO PÚBLICO E DE CALIDADE.
Moitas grazas pola súa atención.

O claustro de profesores do IES Gregorio Fernández de Sarria.



Comunicado aprobado polo claustro do xoves, 21 de marzo:


“Ante a información aparecida na prensa e divulgada polos sindicatos, o Claustro de profesores do IES Gregorio Fernández, reunido en sesión extraordinaria urxente, acorda:

Manifestar o total desacordo coa intención da Consellería de reordenar as ensinanzas nos dous institutos de Sarria, posto que ata o de agora, o funcionamento, no que afecta ao noso, é completamente satisfactorio.

Ademais, dita reordenación implicaría unha masificación do alumnado nas aulas, coa conseguinte diminución da calidade do ensino. Do mesmo xeito, suporía unha perda significativa de postos de traballo de profesores e persoal non docente, así como un empeoramento das condicións laborais.

Polo tanto, esíxese a inmediata paralización de dita medida.


Sarria, 21 de marzo de 2013”

CO DESEXO DE QUE NOS DEIXEN SEGUIR A FACER COUSAS ASÍ:

(Preparación vídeo "A fenda", que podes ver aquí: http://www.youtube.com/watch?v=BDPdu5WSX78)

1 comentario:

Lucía López, 1º Bach. dijo...

Queremos seguir no noso instituto, e poder disfrutar da enorme cantidade de exemplares que hai na nosa biblioteca...