Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

lunes, 30 de enero de 2012

Outro Bosco cheo de actividades

O pasado venres 27 de xaneiro celebramos no noso instituto o día do noso patrón, San Xoán Bosco, durante o que houbo un bo feixe de actividades deportivas e culturais.
A biblioteca organizou este ano un total de seis actividades. Comezou a mañá cunha busca do tesouro na que os participantes tiveron que andar moi espabilados para chegar ata o tesouro que, unha vez máis, levaron as alumnas de 4º da ESO Lucía e Verónica, grandes expertas na materia.
Continuamos cun concurso de fotos, do que pronto faremos unha exposición pois as instantáneas o merecen. Os premiados foron no apartado de mellor foto para
Iago Fernández Domínguez e Andrés Dono Arias (1º A ESO); no mellor conxunto de fotos deuse un premio compartido entre a parella de Cristina Pereira e Noemí López (2º Bach) e Lucía Mato e o galardón á foto máis original foi para Cristina López (2º Bach) e María Copa (1º Bach).
Seguiu a esta actividade o campionato de xadrez, no que descubrimos talentos ata agora ocultos e resultou gañador o alumno de 4º ESO Iago Quiroga López.
Ás 10:45 deu comezo o obradoiro de pulseiras de fío, do que saíron varias rapazas coa arte da macramé aprendida e da que cos tempos que están igual ata hai que vivir.
Pero a cousa non rematou aí, ás 12:15 proxectouse a película “Gru, mi villano favorito” porque esta biblioteca é un espazo multifunción.
Pola tarde e a pesar de estar o instituto pechado, o hall converteuse no escenario de gravación do vídeo:”Amañade a fenda que nos ofende” cos alumnos de Proxecto Interdisciplinar de 1º de ESO no que con libros recrearon a torre do Batallón, símbolo da historia de Sarria.
E todo isto, tendo a biblioteca como eixe e centro das actividades extraescolares que se seguen a realizar no noso instituto e en moitos centros galegos, a pesar da falsa, manipulada e sesgada noticia aparecida o pasado luns 23 de xaneiro en La Voz de Galicia. Agardamos deste xornal noticias veraces que reflexen a realidade das bibliotecas da maioría de centros públicos galegos, que seguen a ser o motor de iniciativas culturais que deixarán pegada nos nosos alumnos, sen os que o noso facer non tería ningún sentido. Continuaremos creando e traballando por e para vós.














No hay comentarios: