lunes, 28 de noviembre de 2011
Celebramos o Día das Librarías
Dende este ano, o último venres de novembro vaise celebrar o día das librarías en toda España. Nesta ocasión, un grupiño de alumnos de 1º de ESO seguiron a iniciativa proposta polo seu profesor de “Proxecto Interdisciplinar” Eduardo Rey, activo membro do equipo da biblioteca “Fiz Vergara Vilariño” do IES “Gregorio Fernández”, e participaron no acto celebrado o pasado día 25 na Librería Galicia de Sarria.
Comezou o acto o noso antigo compañeiro Jaime Félix López Arias, Arlindo, facendo un repasiño pola nosa historia local na que pouco a pouco as librarías e as bibliotecas foron facéndose un sitio no medio dunha morea de tabernas que crecían de xeito desmesurado. Aproveitou para lembrar ao seu pai e facer unha loubanza do libro, compañeiro irremprazable.
A continuación, os alumnos do noso instituto comezaron un recital poético con varios poemas de Fiz Vergara Vilariño, moi ligado durante a súa vida á Libraría Galicia, onde se imprimiu o seu segundo libro. Seguiulles o ritmo o seu profesor Eduardo, quen recitou versos non só do poeta que da nome á nosa biblioteca, senón que se atreveu cun inxenioso poema de Manuel María titulado: “Manual pra deprender pra señorito” co que todos botamos unhas risas.
Logo do recital pasamos á imprenta, onde Víctor López ensinounos as máquinas coas que traballan, dende a antiga tipografía ata o moderno offset. Vímolas funcionando e as bocas de asombro comezaron a abrirse.
E aínda houbo máis, Carmen de Felipe II, outra das antigas libreiras de Sarria á que estes rapaciños xa non coñecían pero que os que somos máis vellos non podemos esquecer, contou algunhas anécdotas daqueles tempos nos que os nenos non tiñan de todo, pero que lían e incluso mercaban lanternas para ler de noite e que os pais non se enteiraran.
E como en toda boa celebración convidáronnos a tomar algo arredor dunha mesa chea de alegría e bos produtos. Por certo, todos os participantes recibiron un libro como agasallo que quizais a esta hora xa terán lido.
Graciñas a todos: organizadores e participantes. Volveremos!
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario