Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

jueves, 30 de octubre de 2025

Samaín terrorífico

 





Un ano mais, o noso instituto encheuse de cores de outono, de medo, de Samaín, de morcegos, de cabazas e de lecturas terroríficas.

Tanto o EDL, a biblioteca coma o departamento de inglés implicáronse moito para que o alumnado participase nos concursos convocados.

Hai que resaltar a gran participación do alumnado da ESA no concurso de cabazas, os cales acadaron todos os premios, e da ESO no de maquillaxe e de disfraz organizado polo departamento de inglés. Parabéns!

Aproveitade a ponte para ler e recargar pilas para rematar o trimestre. Vémonos o martes 3 de novembro.


jueves, 23 de octubre de 2025

Obradoiros de lettering para celebrar o 24 de outubro, Día da Biblioteca

 Continuamos celebrando o Día da Biblioteca dun xeito moi creativo que coincide co lema das bibliotecas escolares galegas deste curso e que combina o deseño coa viaxe á creatividade, da cal a biblioteca é o centro. 

Un ano mais, tivemos o pracer de contar coa profesora Mónica Martínez de Sopa de Letras Comunicación quen nos ensinou moitas cousas sobre o Lettering e as ferramentas e rotuladores específicos para adentrarnos nisto do escritura caligráfica. 

Mónica impartiu dous obradoiros: un para 1º de ESO e outro para 1º e 2º do Ciclo Superior de Administración e Finanzas. Ambos foron dous obradoiros de iniciación, pero ao final xa creamos cousiñas moi feitiñas e orixinais. Tanto os mais noviños do instituto coma a rapazada con mais anos do Ciclo de Administración puxeron moito interese nesta actividade como podedes ver nas imaxes e remataron facendo uns fermosísimos marcapáxinas personalizados

















lunes, 13 de octubre de 2025

Obradoiros de fotografía

 Tentando que a biblioteca sexa un lugar inclusivo e que todo o alumnado se achegue a ela, o luns 13 de outubro invitamos ao alumnado dos ciclos de mecanizado, mantemento e mecatrónica industrial de todo o instituto a achegarse a ela organizando uns obradoiros de fotografía a cargo da fotógrafa e veterinaria Tamara Lebón Sánchez, que nos ensinou dun xeito práctico moitas cousas sobre fotografía incluida a cámara que todos levamos nos nosos teléfonos.



Resultou unha xornada moi amena e creativa, á que logo seguiu un obradoiro dirixido ao alumnado de segundo da ESO, o cal se interesou moito pola profesión de Tamara como veterinaria.


Agradecemos a Tamara o feito de compartir o seu tempo e a súa experiencia con nós. Se queredes ver un bo feixe de magníficos exemplos de imaxes feitas por Tamara, podedes seguila no seu Instagram, onde garda moitas que seguro vos servirán de inspiración.




Programa de actividades para celebrar o 24 de outubro, Día da biblioteca

 


Bibliotour 2025

 Como cada curso, celebramos o comezo dando a benvida ao novo alumnado. Os de primeiro de ESO acudiron á biblioteca o 10 de outubro, inaugurando así o programa de actividades de outubro, no que celebramos o Día da Biblioteca.

Descubriron que a biblioteca agocha moitos recursos ben interesantes en forma de libros, xogos, películas e moitas actividades que se están preparando.




Agardamos que todos os días do curso sexan días de biblioteca, nos que estaredes tan a gustiño coma na zona de lectura relaxada.


lunes, 22 de septiembre de 2025

Visita á exposición "Castelao Grafista" e programa Cultura por Alimentos

 


    Esta mostra concide coa celebración neste 2025 do Ano Castelao. e inclúe 19 facsímiles da  Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas, entre outros.

    Case cincuenta alumnos do IES Gregorio Fernández visitaron esta exposición. Resultou unha visita moi interesante e activa, na que os participantes, ademais de descubrir a obra de Castelao dun xeito  lúdico e por equipos, converteronse en críticos debuxantes da actualidade que remataron traballando co programa Scratch e creando un curioso circuito eléctrico. Grazas por achegar a cultura ao noso alumnado dun xeito tan atractivo!







 



A mostra está ubicada na antiga prisión de Sarria ata o 4 de outubro e enmárcase no programa de CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación a favor de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Podes colaborar doando algún alimento non perecedeiro que irá destinado ao banco de alimentos local. Co fin de axudar e ampliar a recollida de alimentos dende o IES Gregorio Fernández, depositamos unha caixa na entrada do edificio principal do instituto, onde calquera membro da comunidade educativa poderá facer a súa aportación antes do xoves 2 de outubro.





Novo curso con moitas ilusións e novidades

 



Arrincamos un novo curso no que a rapazada vai achegándose á biblioteca e descubrindo este lugar tan agradable onde tanto temos por descubrir.

Entretanto, xa estamos traballando en novos proxectos e actividades de cara a lograr unha biblioteca mais inclusiva, creativa e dinámica. Estade atentos ás novidades que pronto iremos desvelando. Agardámosvos na biblioteca!



jueves, 19 de junio de 2025

Libros para o verán

 O curso está a piques de rematar, así que un ano mais desexámosvos bo descanso en compaña dos libros. Lembrade que podedes levar 3 libros e 3 películas para o estío, así que aquí vos deixamos unha variada selección para todos os gustos. Bo verán!













jueves, 5 de junio de 2025

Exposición sobre Fiz Vergara Vilariño na Biblioteca Histórica do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes


     Congratúlanos saber que dalgún xeito a obra e a memoria de Fiz Vergara Vilariño segue presente nas nosas vidas e nas actividades de varios centros educativos.

    O paso de Yago Rodríguez Yáñez como profesor no IES Gregorio Fernández fixo que afondase na figura e na obra de Fiz Vergara Vilariño, o cal deu moi bos frutos en forma de libros que temos na nosa biblioteca.

    Esta vez Iago acaba de organizar unha moi humilde exposición dedicada a Fiz Vergara Vilariño dentro da Bilioteca Histórica do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, onde imparte docencia na actualidade. 

    Como o propio Yago indica, para que isto sucedese foi decisiva a aparición na súa vida do noso benquerido compañeiro Eduardo Rey Moure, quen hai xa dous anos que nos deixou.

   Confiamos en que  máis cedo que tarde  a fortuna sorría e se divulgue adecuadamente a exquisita obra de Fiz. 

    Dende a biblioteca do IES Gregorio Fernández cremos firmemente en que esta divulgación servirá para concederlle un Día das Letras Galegas a Fiz Vergara Vilariño, que o ten mais que merecido.

    Entretanto, dade unha voltiña pola exposición sobre Fiz na Biblioteca Histórica do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes ou achegádevos polo primeiro andar do instituto lucense.

    Graciñas Yago e benvidas sexas as colaboracións entre bibliotecas a favor da difusión cultural e da obra de Fiz Vergara Vilariño.
   

jueves, 29 de mayo de 2025

Postais dende Sarria para Finlandia

 

Grazas á nosa participación no programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, soubemos do fermoso proxecto do colexio rural finlandés de Tynkä no que cun interesante vídeo sobre a súa escola invitaban á comunidade escolar mundial a enviarlles unha postal sobre o seu centro falando de aquilo  que ten de especial.

Pareceunos unha boa iniciativa, así que dende a Biblioteca, o departamento de inglés e o Equipo de Dinamización Lingüística puxémonos mans á obra para enviar a postal diseñada con motivo do Día das Letras Galegas que repartimos no Camiño de Santiago entre os peregrinos que atravesan a vila de Sarria para enviar un bo feixe de postais ao colexio de Tÿnka e que soe a nosa lingua.


Participaron nesta actividade a meirande parte do alumnado que estuda inglés no noso centro. Aproveitamos a ocasión para espallar a nosa lingua coas pegatinas da campaña "Aquí tamén se fala galego".





Ogallá esta actividade serva para espallar a nosa lingua, a nosa cultura e achegarnos a outras realidades educativas. Agardamos resposta dos finlandeses de Tynka. Por que non?