Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

lunes, 22 de septiembre de 2025

Visita á exposición "Castelao Grafista" e programa Cultura por Alimentos

 


    Esta mostra concide coa celebración neste 2025 do Ano Castelao. e inclúe 19 facsímiles da  Colección de Arte Afundación e 89 debuxos do álbum Cousas da vida de Castelao, 3 retratos fotográficos, 4 caricaturas e 17 debuxos e portadas de revistas, entre outros.

    Case cincuenta alumnos do IES Gregorio Fernández visitaron esta exposición. Resultou unha visita moi interesante e activa, na que os participantes, ademais de descubrir a obra de Castelao dun xeito  lúdico e por equipos, converteronse en críticos debuxantes da actualidade que remataron traballando co programa Scratch e creando un curioso circuito eléctrico. Grazas por achegar a cultura ao noso alumnado dun xeito tan atractivo!







 



A mostra está ubicada na antiga prisión de Sarria ata o 4 de outubro e enmárcase no programa de CULTURA POR ALIMENTOS, unha iniciativa de Afundación a favor de FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos). Podes colaborar doando algún alimento non perecedeiro que irá destinado ao banco de alimentos local. Co fin de axudar e ampliar a recollida de alimentos dende o IES Gregorio Fernández, depositamos unha caixa na entrada do edificio principal do instituto, onde calquera membro da comunidade educativa poderá facer a súa aportación antes do xoves 2 de outubro.





Novo curso con moitas ilusións e novidades

 



Arrincamos un novo curso no que a rapazada vai achegándose á biblioteca e descubrindo este lugar tan agradable onde tanto temos por descubrir.

Entretanto, xa estamos traballando en novos proxectos e actividades de cara a lograr unha biblioteca mais inclusiva, creativa e dinámica. Estade atentos ás novidades que pronto iremos desvelando. Agardámosvos na biblioteca!



jueves, 19 de junio de 2025

Libros para o verán

 O curso está a piques de rematar, así que un ano mais desexámosvos bo descanso en compaña dos libros. Lembrade que podedes levar 3 libros e 3 películas para o estío, así que aquí vos deixamos unha variada selección para todos os gustos. Bo verán!













jueves, 5 de junio de 2025

Exposición sobre Fiz Vergara Vilariño na Biblioteca Histórica do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes


     Congratúlanos saber que dalgún xeito a obra e a memoria de Fiz Vergara Vilariño segue presente nas nosas vidas e nas actividades de varios centros educativos.

    O paso de Yago Rodríguez Yáñez como profesor no IES Gregorio Fernández fixo que afondase na figura e na obra de Fiz Vergara Vilariño, o cal deu moi bos frutos en forma de libros que temos na nosa biblioteca.

    Esta vez Iago acaba de organizar unha moi humilde exposición dedicada a Fiz Vergara Vilariño dentro da Bilioteca Histórica do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes en Lugo, onde imparte docencia na actualidade. 

    Como o propio Yago indica, para que isto sucedese foi decisiva a aparición na súa vida do noso benquerido compañeiro Eduardo Rey Moure, quen hai xa dous anos que nos deixou.

   Confiamos en que  máis cedo que tarde  a fortuna sorría e se divulgue adecuadamente a exquisita obra de Fiz. 

    Dende a biblioteca do IES Gregorio Fernández cremos firmemente en que esta divulgación servirá para concederlle un Día das Letras Galegas a Fiz Vergara Vilariño, que o ten mais que merecido.

    Entretanto, dade unha voltiña pola exposición sobre Fiz na Biblioteca Histórica do IES Nosa Señora dos Ollos Grandes ou achegádevos polo primeiro andar do instituto lucense.

    Graciñas Yago e benvidas sexas as colaboracións entre bibliotecas a favor da difusión cultural e da obra de Fiz Vergara Vilariño.
   

jueves, 29 de mayo de 2025

Postais dende Sarria para Finlandia

 

Grazas á nosa participación no programa Prensa-Escuela de La Voz de Galicia, soubemos do fermoso proxecto do colexio rural finlandés de Tynkä no que cun interesante vídeo sobre a súa escola invitaban á comunidade escolar mundial a enviarlles unha postal sobre o seu centro falando de aquilo  que ten de especial.

Pareceunos unha boa iniciativa, así que dende a Biblioteca, o departamento de inglés e o Equipo de Dinamización Lingüística puxémonos mans á obra para enviar a postal diseñada con motivo do Día das Letras Galegas que repartimos no Camiño de Santiago entre os peregrinos que atravesan a vila de Sarria para enviar un bo feixe de postais ao colexio de Tÿnka e que soe a nosa lingua.


Participaron nesta actividade a meirande parte do alumnado que estuda inglés no noso centro. Aproveitamos a ocasión para espallar a nosa lingua coas pegatinas da campaña "Aquí tamén se fala galego".





Ogallá esta actividade serva para espallar a nosa lingua, a nosa cultura e achegarnos a outras realidades educativas. Agardamos resposta dos finlandeses de Tynka. Por que non?

miércoles, 21 de mayo de 2025

Un día para Fiz

 Non podemos deixar pasar este maio sen lembrar e reivindicar que Fiz Vergara Vilariño, o poeta que da nome á nosa biblioteca, ben merece ser homenaxeado no Día das Letras Galegas.

Por iso, compartimos aquí o artigo de Jesús García Bernardo no diario El Progreso que tan ben expresa o que nós tamén sentimos: Un día para Fiz

sábado, 17 de mayo de 2025

Letras Galegas 2025

 Un ano mais, arrimamos o ombreiro para festexar as nosas Letras como se merecen con este completo programa no que tentamos chegar a toda a comunidade educativa e traspasar as nosas fronteiras:





Novamente saímos ao Camiño e agasallamos aos peregrinos que pasan pola nosa vila coa flor da xesta e a postal conmemorativa elaborada coa que tentamos que uns versos das Cantareiras cheguen a lugares tan lonxanos como a China, os Estados Unidos, Ucraina, Corea, a República Checa, Alemaña, Bélxica ou Finlandia. Tentamos así espallar a nosa lingua e as nosas Letras deixando pegada nos camiñantes cos que pasamos uns momentos moi agradables ao tempo que practicamos inglés e os fixemos coñecedores do que é o 17 de maio e o que significa para os galegos.



















jueves, 8 de mayo de 2025

Estreitando lazos coa Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar

 O 7 de maio recibimos no nosa biblioteca a Miriam Alonso, a nova bibliotecaria da Biblioteca Pública Municipal Camilo Gonsar de Sarria, quen estivo acompañada por César No, concelleiro de Cultura do Concello de Sarria. 

Foi unha visita moi fructífera e positiva na que ademais de estreitar lazas e fomentar as sinerxias entre as nosas bibliotecas, os visitantes aproveitaron a ocasión para contactar directamente cos nosos usuarios, informalos das posiblidades que ofrece a biblioteca pública, animalos a facerse socios e facelos partícipes das  actividades culturais que ofrece o noso Concello.


A continuación, reuníronse co alumnado de 1º de ESO, que se mostrou moi receptivo e participativo coa información recibida e as propostas feitas dende o Concello. Medre a lectura, medre a cultura o os lazos que fan que a rapazada se interese por aumentar os seus coñecementos ao tempo que goza de todo o que poñemos á súa disposición.








Entrega de premios dos concursos convocados co gallo do Día do Libro

 

O 7 de maio entregamos os libros mais doces aos gañadores dos concursos convocados co gallo do Día do Libro.


O alumnado gañador do Concurso: Carteleira de Libros Bookflix recibiu os seus saborosos libros.



O O alumnado e profesorado gañador do Concurso: Adiviña o meu andel posou cos seus doces libros que non dubidaron en compartir agarimosamente.



lunes, 5 de mayo de 2025

Concurso da Biblioteca Pública Municipal de Sarria "Letras Galegas 2025"

 



A Biblioteca Pública Municipal “Camilo Gonsar” convoca a fase local do Certame de Narración e Debuxo Infantil “Letras Galegas 2025”.
👥Quen pode participar? Todas as nenas e nenos ata 16 anos.

3 categorías:
A - hasta 8 anos
B - de 9 a 11 anos
C - de 12 a 16 anos
📄Cal é a temática? “Ler é coñecemento”
Que traballos se poden presentar?
✒️ Ben unha narración en galego, como máximo dun folio por unha cara
🎨 Un debuxo en papel ou cartolina A4
A escoller ou os dous!
📅Ata cando? O último día para presentar os traballos será o luns, 12 de maio de 2025
📚Onde se entregan? Na Biblioteca Pública Municipal “Camilo Gonsar”
Os traballos gañadores, tres por categoría, participarán na fase provincial convocada pola Biblioteca Pública de Lugo🥳
Achegamos as bases, animádevos a participar!!