Este blog non publicará comentarios contra a dignidade das persoas ou do seu traballo.

Biblioteca "Fiz Vergara Vilariño"

domingo, 31 de mayo de 2015

IX Olimpíada Tecnolóxica en Castroverde: "Tecnohomenaxe"

O 29 de maio dezasete alumnos e tres profesores do IES "Gregorio Fernández" acudimos a Castroverde para participar na novena edición da Olimpíada Tecnolóxica. Novamente esta foi unha xornada lúdico educativa na que participaron alumnos de segundo, terceiro e cuarto da ESO, de seis centros da provincia, todos eles pertencentes á asociación Tecnogalicia: CPI de Cervantes, CPI de Seoane do Courel, IES Gregorio Fernández de Sarria, IES Leiras Pulpeiro de Lugo, CPI San Tomé de Carballo de Taboada e CPI de Castroverde.
O encontro ten como principal obxectivo fomentar a tecnoloxía e a convivencia entre os alumnos dos diferentes centros participantes. Unha iniciativa na que a lingua tamén xoga un papel fundamental, xa que o galego é o nexo de unión entre todos os participantes.
Os equipos participantes tiñan un máximo de 20 minutos para resolver cada unha das probas que se lles propoñían na competición. Para a competición confeccionáronse equipos moi heteroxéneos formados por alumnos de ambos sexos, diferentes niveis e distintos centros, que debían superar un total de 18 probas relacionadas coa informática, a electrónica, o deseño por ordenador, as comunicacións ou a robótica.
Este ano participaron nas olimpíadas uns cento vinte rapaces. As diferentes probas desta edición da olimpíadas disputáronse en diferentes escenarios da Castroverde: os pendellos do campo da feira, o salón de plenos da casa consistorial e a igrexa. En todas elas, os rapaces fixeron gala da súa creatividade e coñecementos á hora de superalas, xa que unicamente dispoñían de 20 minutos para resolver cada un dos retos.
Foi unha xornada moi amena durante a que poidemos compartir xantar e experiencias con xentes doutros lugares. A continuación houbo un expectáculo a cargo de Avelino González e roteiro por un tramo do Camiño Primitivo, dirixido e coordinado pola asociación "Amigos do Patrimonio de Castroverde". Graciñas a todos os que colaborastes e fixestes posible esta nova edición da Olimpíada.

No hay comentarios: